Visita a Museos dos Alumnos de Gaita

O pasado sábado, 14 de abril, os alumnos de Gaita de Ponteareas visitaron dous museos de referencia: o Museo da Gaita de Fole de Barbadás e o Museo da Cornamusa de Ourense. A actividade foi coordinada por diferentes conservatorios (Ribeira, Vilagarcía, Torroso, Ourense e Ponteareas) co convencemento da necesidade de achegar ao alumnado á historia do instrumento, non só desde a perspectiva local e actual máis difundida, senón global; así como de comezar a favorecer e tecer relacións entre o alumnado da especialidade.

Na mañá, no museo de Barbadás, guiados polo seu creador e comisario Paulo Gonçalves, os alumnos puideron observar e comprender o que é a Gaita de fole en Europa desde o século XI ata actualidade, os seus usos dentro dos diferentes contextos sociais, o seu repertorio, as súas características morfolóxicas, as fontes de documentación e iconografía existentes, e o relativo aos procesos de construción e o gremio de artesáns.

Á tarde, no museo de Ourense, os alumnos coñeceron de primeira man unha extensa colección de gaitas de todo o mundo e, ante tal variedade, puideron responder ás inquedanzas que xurdiron, orientados polo profesorado e o guía do museo. A xornada rematou cun concerto da iraniana Liana Sharifian, intérprete de Ney anban. Agardamos que esta visita sexa o inicio dunha programación regular de actividades compartidas entre diferentes centros e que perdure no tempo.