O Conservatorio de Música de Ponteareas nace o 28 de setembro do ano 1983, como resposta á demanda social da Comarca do Condado de ter unha oferta educativa musical regrada, próxima e de calidade.

As clases impartíanse no Auditorio Municipal, pero a afección por esta arte en toda a comarca fai que as instalacións e capacidade didáctica queden pequenas. Para resolver este problema de espazo, decídese adaptar no ano 1992 a planta alta do edificio da “Graduada”, onde estamos actualmente.

En vista da demanda de ampliar o número de especialidades instrumentais, solicítase impartir o Grado Profesional, que a administración competente concede mediante un convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ponteareas no ano 1996 e que esixe a ocupación total do edificio.

No ano 2006, a Xunta de Galicia autoriza a creación da Escola de Música “Vila do Corpus” que convive no mesmo espazo co Conservatorio, e que da servizo a todas aquelas persoas que non poden realizar estudos musicais regrados, desenvolvendo unha ampla e diversificada oferta musical sen límite de idade.